Arquivo do blog

22/11/16

Para 2º Bacharelato... FILOSOFÍA ECOFEMINISTA

A filósofa ecofeminista Alicia Puleo, profesora de Filosofía Moral e Política na Universidad de Valladolid, autora de obras como La Ilustración olvidada. La polémica de los sexos en el siglo XVIII, Filosofía, Género y Pensamiento crítico ou Ecofeminismo para otro mundo posible interviu hai uns días nunhas xornadas internacionais de formación para mulleres en Ourense, tituladas “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”  (18 e 19/11/2016).


Que papel debe xogar o feminismo na definición desa nova cultura e nova economía máis sostible e máis respectuosa cos límites do planeta? Por que é importante que o feminismo teña un papel clave?

A relación entre feminismo e ecoloxía é aínda incipiente, a pesar de que o ecofeminismo leva décadas establecer esta relación. Porén, os maiores avances -tímidos- déronse sobre todo no mundo anglosaxón, mentres que no noso país é unha materia pendente. Non sempre o feminismo ten unha conciencia ecoloxista e non sempre o ecoloxismo ten unha conciencia feminista, isto vén dificultando un diálogo que eu penso que é moi necesario e que enriquece ambos movementos e ambas teorías. Hoxe en día a xustiza social require do ecoloxismo: moitos dos problemas sociais actuais, o empobrecemento, a miseria..., están relacionados co deterioro medioambiental e isto vai ser así cada vez máis. Non pode haber xustiza social sen eco-xustiza.


O feminismo achega valores e conceptos diferentes ao coidado do medio?

Algúns valores que hoxe en día se preconizan dende a ecoloxía son virtudes que tradicionalmente desenvolveron as mulleres, comezando polo concepto de coidado e protección, neste caso aplicado ao medio natural. E é tamén a base dos movemento de defensa dos animais. Foron valores que historicamente foron devaluados, porque os homes os identificaron como femininos, e hoxe en día debemos elevalos para consideralos esencialmente humanos e deben ser ensinados aos varóns, para que todos -mulleres e homes- os recoñezamos como propios e os apliquemos á natureza humana e non humana.


Sempre me chamou a atención que nos movementos de defensa dos animais a participación feminina é moi maioritaria, a diferenza doutros movementos, mesmo o ecoloxista, cunha maior presenza masculina. A que pode deberse?

Estamos asistindo a un cambio civilizatorio moi grande nese sentido. Moitas ideas de sensibilidade ética que no pasado foron defendidas de xeito minoritario, hoxe están converténdose nun movemento de masas. Dende o ecofeminismo iso pódese entender e apoiar en clave de xénero. É quizais o momento de reivindicar esas virtudes que no pasado foron criticadas como sensiblería e que hoxe se reclaman como algo xusto e humano.




Ningún comentario: